Uxía Hadaly Romero Bouzas
Educadora social especializada en proxectos de integración social con familias e adolescentes en situación de vulnerabilidade. Son ademais, estudante de doutoramento no Programa de Equidade e Innovación Educativa.
A miña traxectoria tanto académica como profesional estivo marcada polo vínculo esencial entre a intervención socioeducativa e a participación comunitaria en movementos sociais, artellando desta forma unha mirada onde a colectividade e a acción política se estruturan como elementos fundamentais para o cambio social. A isto úneselle a necesidade de traballar a través dun marco interseccional, entendendo a marxinalidade como unha consecuencia inherente ao capitalismo, colonialismo e o cisheteropatriarcado.
Neste sentido a miña participación en ECIGAL emerxe como unha nova maneira de rachar coas barreiras inamovibles do academicismo universitario e achegar as metodoloxías de investigación e acción social aos distintos colectivos e comunidades; materializándose desta forma como unha estratexia máis de loita contra a explotación, as desigualdades e as inxustizas.
Sobre min
Graduada en Educación Social na Universidade da Coruña, onde tamén completei o Mestrado de Políticas Sociais e Intervención Sociocomunitaria coa especialización en Xénero e Igualdade. En ámbolos dous casos recibín premios de excelencia académica, así como de matrículas de honra tanto no TFG “Ser muller
en prisión: unha mirada dende as profesionais” (que mereceu o premio da 8ª edición do Concurso do Colexio de Educadores Sociais) como no TFM “Transfobia e racismo no movemento feminista: unha mirada autocrítica dende o privilexio cis e branco”. Este último non foi máis que o resultado de anos de activismo en distintos
movementos sociais que permitiron enriquecer os meu marco de coñecementos e a miña práctica como educadora social, xunto con cursos e talleres en Estudos de Xénero e Feministas (Feminarios, Sensibilización en Igualdade de Oportunidades, Historia da Teoría Feminista), Autocoidado e Intelixencia Emocional e Aprendizaxe e Servizo con Colectivos vulnerables; ademais de participar como Bolseira de Colaboración en formación complementaria no departamento de Pedagoxía e Didáctica da UDC.
Esta evolución académica foi acompañada dunha traxectoria laboral centrada sobre todo no eido de familias e mocidade en situación de vulnerabilidade. Así, formei parte da equipa educativa que deu inicio ao Proxecto Andró Nebó - Amigonianos Galicia, a través do cal se pretendía mellorar o contexto socioeducativo das persoas que vivían no Barrio do Campanario, no Portiño.
Actualmente formo parte do Proxecto Familia Educa - Fundación Amigó, centrado na intervención con familias maiormente monomarentais e migrantes e máis concretamente, nas actividades dirixidas cara a poboación adolescente. Asemade, son membro do grupo ECIGAL onde estou a realizar a miña tese doutoral sobre
movementos sociais na adolescencia vulnerable.